Contidos
- Introdución
- A prehistoria do capital e os aspectos duais do capitalismo
- Breve interludio sobre a hermenéutica
- Os séculos XVIII e XIX: Liberalismo clásico, xenio e racismo científico
- Século XX, primeira parte: Revolución socialista e contrarrevolución fascista?
- Século XX, segunda parte: O liberalismo moderno e a invención do “totalitarismo”
- Marx, Nietzsche e a acción consciente
- Conclusións: Un modelo ideolóxico-espacial do fascismo
- Bibliografía principal
- Posdata: Nota breve sobre o anarquismo
Introdución
Vén sendo habitual o uso da categoría “socialismo realmente existente”, tanto por defensores como por detractores da mesma, nos debates sobre diferencias entre teoría e práctica revolucionarias. A idea xeral é que o traballo dos estadistas revolucionarios (nomeadamente, Stalin) presentou defectos en comparación cos ideais expresados polos teóricos revolucionarios (nomeadamente, Marx). Para entender estas diferenzas podemos partir das dificultades inherentes ao traballo de plasmar ideas científicas abstractas en feitos materiais, ou podemos pensalas, pola contra, en termos de conspiracións e de traizóns. De calquera maneira, estas diferencias son de común coñecemento, e todes escoitamos o cliché “o comunismo funciona na teoría mais non na práctica”.
Outro lugar común nos debates sobre socialismo é o de pensalo como unha de tres ideoloxías que formarían a tríade prevalente do século XX: liberalismo, socialismo e fascismo. Segundo este modelo espacial, o socialismo e o fascismo representan “extremos totalitarios” que conduciron á ruína e á traxedia, mentres que o liberalismo representa o “centro moderado”, que se impuxo por virtude do seu pragmatismo libre de carga ideolóxica e dun vigoroso pluralismo intelectual.
Hai moito nestas premisas que se presta ao debate e ao cuestionamento: haberá quen afirme que o comunismo é o movemento revolucionario existente e non o seu ideal abstracto, haberá quen rexeite o modelo de tríade (como farei eu neste mesmo ensaio), pero que ocorre se as damos por certas, aínda que sexa de xeito provisional? Emerxe entón a categoría de “fascismo realmente existente” naturalmente, como por simetría, e con ela chegan preguntas ben interesantes.
Contaba o fascismo cun ideal atraente, tan impecable como a utopía igualitaria o é para tanta xente “na teoría”? Quen foi o equivalente fascista de Karl Marx? Os recén chegados ao fascismo poderían nomear a Adolf Hitler ou a Benito Mussolini como os seus principais intelectuais. Alguén que coñeza mellor o asunto podería indicar ao xurista nazi Carl Schmitt, ao filósofo nazi Martin Heidegger ou ao autodenominado “ultrafascista” italiano, Julius Evola. Porén, ningún deles, desde o meu punto de vista, cumpre os requisitos. Algúns destes personaxes eran estadistas eles mesmos, polo que o tipo de decepción que quero explorar non ten cabida. Porén, de maneira máis concreta, ningún deles se achega á inmensa influencia de Marx. Para establecermos unha simetría correcta precisariamos unha figura de igual importancia, un escritor prolífico e xenial cuxa obra estivese revestida dunha importancia histórica e cultural incuestionábeis, cuxa participación nos movementos por el inspirados fose o bastante indirecta como para que os seus defensores puidesen ser capaces de desculpalos dos crimes por eses movementos cometidos.
Non son o primeiro en argumentar que este papel corresponde a Friedrich Nietzsche. Segundo Geoff Waite, Nietzsche representa “a única posición fóra do comunismo”, o único desafío intelectual de entidade á utopía como tal. É ben sabido que os soldados alemáns levaban con eles copias do Zarathustra como parte do seu equipamento militar na Primeira Guerra Mundial, e que os nazis asumiron abertamente a “vontade de poder” de Nietzsche como precepto ideolóxico. É frecuente que, ante a mención deste feito, a resposta sexa unha negación arrogante sen máis argumentación, atribuíndoo a unha “apropiación indebida”, ou á nefasta intervención da propia irmá de Nietzsche; pero que esteamos ou non de acordo con esa réplica non é relevante para o que vou dicir agora. [1]
O que máis me interesa é o feito de que Nietzsche fose, para a intelectualidade europea e do atlántico norte, un pensador demasiado brillante, demasiado útil e influínte, demasiado querido pola tradición europea en xeral como para ser marcado de fascista (e de certo aínda menos como o fascista primixenio).
Que implica, en todo caso, este papel? Marx non se consideraba, nin os comunistas o consideran, o “inventor” do comunismo. O Manifesto comunista é claro neste respecto:
As teses teóricas dos comunistas non se basean de ningún xeito en ideas e principios inventados ou descubertos por tal ou cal reformador do mundo,
senón que son a expresión xeral das condicións reais dunha loita de clases existente, dun movemento histórico que se está a desenvolver ante os nosos ollos. [2]
Esta idea é compartida tamén por autores panafricanistas como Kwame Turé:
É unha verdade universal. Como moito, podemos consideralo un observador astuto. Calquera home, calquera muller — desde o deserto de Libia, no norte de África, observando a relación entre traballo e capital, chegaría ás mesmas conclusións que Karl Marx: Que alá cando o capital intente dominar o traballo, haberá unha loita desapiadada contra o capital por parte do traballo, ata que o traballo consiga esmagar o capital e dominalo. [3]
É máis acaido entender a Marx, non como profeta e evanxelista dunha grande doutrina nova, senón como un pensador agudo que, nun contexto de debates encarnizados entre socialistas, puido imporse sobre outros porque foi quen de proporcionarlle ao nacente movemento revolucionario unha estimación realista da inmensidade da tarefa que tiña por diante. Marx (e tamén Engels!) sintetizaron unha tendencia existente e ideas existentes cunha claridade e portabilidade sen precedentes daquelas, e, clarificándoas de tal xeito, contribuíron á súa difusión. Entendendo isto, non precisamos xa tampouco ver a Nietzsche como unha figura creadora: con certeza, non foi o arquitecto de ningún programa fascista completo. Porén, si que foi un intelectual inamoviblemente reaccionario, que asumiu como proxecto vital a oposición ao que chamamos xustiza social, ás aspiracións emancipadoras do que el chamaba a chusma. Nietzsche tiña a capacidade de expresar ideas radicalmente antiigualitaristas empregando grandes cantidades de arte, oscurantismo e confusionismo, o que permitiu que moita máis xente abrazase con orgullo posicións reaccionarias da que o tería feito de non ser o caso.
Este non é un ensaio sobre Nietzsche: é mais ben un ensaio sobre o fascismo. A figura de Nietzsche é de utilidade neste caso para explicar por que o fascismo é un fenómeno próximo, e incluso amplamente atractivo. A través do concepto do “fascismo realmente existente” pretendo ampliar a nosa concepción do fascismo para que non quede reducido a unha época histórica específica (aparecendo e desaparecendo coas potencias do Eixo, reaparecendo con Bush ou con Trump, como un fenómeno exclusivamente relacionado co “capitalismo en descomposición”), senón que o vexamos como un modo de operación omnipresente, complementario e necesario para o funcionamento das “plurais” e “non violentas” democracias liberais. Segundo esta perspectiva, o fascismo xa existía moito antes de que Mussolini fundase o primeiro partido oficialmente fascista. O capitalismo non é anterior ao fascismo, e o fascismo nunca foi derrotado, e tampouco poderá ser derrotado mentres o capitalismo exista.
Para defender este argumento (que entendo que pode resultar polémico) vou citar autores que conseguiron recontextualizar con éxito a totalidade da historia europea moderna, combinarei as súas ideas coa miña propia produción teórica e con sorte conseguirei que polo menos alguén lea ata o final.
A prehistoria do capital e os aspectos duais do capitalismo
En 2017, William Clare Roberts, un marxista académico angloamericano, publicaba un artigo que a primeira vista podería parecer só do interese de especialistas de nicho. O ensaio céntrase na cuestión de que quixo dicir Marx exactamente cando falou de acumulación primitiva. Para moita xente o termo describe os crimes violentos cometidos polos capitalistas que lles permitiron acumular suficientes riquezas para crear a maquinaria da acumulación: desprazamentos forzados, saqueo, escravitude e xenocidio. Implícita ao uso do tempo pasado é a idea de que a acumulación primitiva rematou: que foi un proceso anterior ao capitalismo, que certamente conduciu ao capitalismo, pero que forma parte da prehistoria do capitalismo. O capitalismo, comparado coa acumulación primitiva, é relativamente pacífico: é unha forma “civilizada” de roubo na que o capitalista se apropia da plusvalía do traballo dos seus empregados a través dunha explotación maioritariamente non violenta. Os traballadores “escollen libremente” traballar 8 horas ao día, e levar para a casa a riqueza correspondente a só unha fracción delas. Por que? Porque os capitalistas compraron xa todos os medios de produción, así que os traballadores deben traballar para eles segundo as súas condicións, ou, dalgún xeito, “facerse emprendedores” e unirse ás filas dos explotadores.
O que fai Roberts entón é moi interesante: a través dun estudo minucioso da obra de Marx, argumenta convincentemente que a “acumulación primitiva” de Marx nunca se referiu á prehistoria do capitalismo (como modo de organización social), senón só á prehistoria do capital (como riqueza que se autorreproduce a través da explotación):
Marx pode -e debe- afirmar que os procesos de acumulación primitiva son internos ao capitalismo. Porén, insiste en que constitúen a prehistoria do capital porque aínda que o saqueo, o roubo e o fraude poden acumular a riqueza que logo pase a ser usada como capital, non poden facer que esa riqueza funcione como capital. [4]
Deste xeito, podemos concibir o capitalismo como un modo de produción con (polo menos) dous modos, momentos ou aspectos operativos: a expropiación violenta (necesaria cando na ecuación faltan ou grandes fortunas ou traballadores desposuídos desesperados) e o réxime “non-violento” de explotación “voluntaria”, máis característico dos países capitalistas “avanzados”. A acumulación primitiva nunca se detén: ao mesmo tempo que moitos norteamericanos viven cómodas vidas de clase media mentres millóns dos seus compatriotas son explotados por Amazon como traballadores temporais externos, os Estados Unidos fan uso da súa policía para agredir constantemente as comunidades negras rebeldes, e do seu exército para invadir as nacións que aínda non foron o suficientemente integradas no seu sistema de mercado. O capitalismo exprésase así como explotación voluntaria no seu centro, e como expropiación involuntaria na súa periferia (o que inclúe as colonias internas).
Desde o outro lado do planeta, o teórico político e xurista Jiang Shigong outórganos o que resulta un chocante relato da xénese dos imperios europeos e do imperio mundial, na forma aparentemente inocua dun prólogo a un traballo de divulgación histórica sobre o imperio británico, da autoría do historiador John Darwin, Despois de Tamerlán. A visión de Jiang da sociedade occidental é, de maneira consciente e deliberada, a dun observador externo. O tema que trata no seu ensaio Historia do imperio sen o imperio é a maneira na que “a teoría da modernización se converte nunha ferramenta ideolóxica ao servizo do imperialismo occidental e do neocolonialismo”, e particularmente o xeito no que, na obra de John Darwin,
O “imperialismo” xa non se concibe como un fenómeno pertencente á “fase superior do capitalismo” como teorizara Lenin, senón simplemente como a vontade expansionista dos imperios ao largo da historia da humanidade. Esta “nova historiografía imperial” neutraliza as críticas desde a esquerda ao “imperialismo” do século XIX en adiante, e permítelle a Darwin escribir unha historia libre de culpa da expansión imperial europea. [5]
Jian Shigong responde con dureza á tendencia que busca borrar diferencias importantes dentro da categoría de imperio para branquear o expansionismo europeo e demonizar a soberanía chinesa. Analiza atentamente as interaccións a nivel histórico dos imperios marítimos europeos co resto do mundo, contrástaas coas dos imperios chineses e indios, e rexeita a tendencia a considerar sinónimos aos termos “colonialismo” e “imperialismo”, e a empregalos para describir as accións de calquera país grande:
Aínda que os dous conceptos se veñen usando de maneira intercambiábel, o concepto de “colonialismo” asóciase máis, de xeito político e incluso militar, á apropiación territorial e a conquista violenta por parte dos imperios. O desenvolvemento do capitalismo permitiu a extracción de recursos económicos a través do comercio e do investimento. Así, en contraste co “imperio colonial” de conquista e saqueos, o “imperialismo” é realmente unha forma avanzada (a forma superior do capitalismo, como indicou Lenin), unha distribución desigual da riqueza económica posibilitada por investimentos e transaccións comerciais en aparencia beneficiosas para ambas partes, unha dominación imperial por medios menos evidentes e superficialmente máis civilizados.
[…]
O imperio formal do “colonialismo” e o imperio informal do “imperialismo” non deben entenderse como dúas etapas diferentes de desenvolvemento histórico senón como dous medios diferentes de construción imperial. [6]
Menciono estes traballos por dous motivos: o primeiro é o seu contido, xa que ofrecen perspectivas históricas de valor que son relevantes para preparar o seguinte argumento. O segundo, e máis importante, é que ilustran a noción, máis abstracta, de aspectos operativos opostos pero unidos. Debemos entender os modos de produción non só como unha lista de características, senón como motores dinámicos e adaptábeis que se expresan de diferentes maneiras baixo diferentes circunstancias. O capitalismo ten como mínimo dous aspectos operativos, a explotación e a expropiación; e o expansionismo imperial ten como mínimo dous aspectos operativos, o colonialismo e o imperialismo.
Breve interludio sobre a hermenéutica
Xa que imos tratar da historia da ideoloxía, debemos tamén falar brevemente da hermenéutica.
A hermenéutica é a teoría e o método de interpretación dun texto. Cando criticamos un texto ou medio audiovisual, facémolo tamén con base ás opinións previas que temos sobre o seu autor, e verificamos como o texto se axusta ou non a elas. Quizais queremos achegarnos a un traballo que fora fortemente criticado no seu momento coa idea de exonerar ao seu autor, e neste caso estariamos operando baixo una “hermenéutica da inocencia”. Ou quizais a nosa intención é a contraria, a de achegarnos a un texto que fora aplaudido no seu momento desde a cautela, e buscar pistas, suxestións ou omisións, descoidos do autor que revelen información que confirme os preconceitos que tiñamos sobre el. Neste caso, estariamos operando baixo unha “hermenéutica da sospeita”.
Traio isto a colación porque considero que é pertinente recordar que podemos tomar decisións conscientes sobre o método que seguimos. Non temos a obriga de enganarnos a nós mesmos e finxir que estamos operando con “neutralidade” ou “obxectividade” cando en realidade temos motivacións. Ter motivacións (e afirmalo abertamente) non invalida as nosas conclusións, e, de feito, facelo pode axudar a quen pensa coma nós a identificar os nosos puntos cegos. Recibirei cos brazos abertos calquera crítica a esta teoría do fascismo, e ás súas premisas básicas. Cal é a miña motivación principal? Quero coller o relato histórico que fala dunha Unión Soviética xenocida que foi derrotada por un occidente liberal e íntegro, e darlle completamente a volta a ese relato.
Haberá entre o meu público quen cuestione a relevancia das afirmacións que citarei, de figuras históricas varias, mediante unha “hermenéutica da sospeita”, segundo a cal calquera afirmación procedente dun dirixente socialista forma parte dunha estratexia calculada para ocultar as súas verdadeiras e sinistras intencións, e mediante unha “hermenéutica da inocencia” pola cal calquera afirmación procedente dunha figura querida en Occidente é gravemente malinterpretada ou dalgún xeito non reflecte os seus “verdadeiros valores”. Estas perspectivas son tan válidas como a miña, pero non esquezamos nunca que son posicións resultantes de escollas conscientes.
Os séculos XVIII e XIX: Liberalismo clásico, xenio e racismo científico
Esta “nova era”, na que goberna o xenio, podémola distinguir da era anterior principalmente polo feito de que o látego imaxina que posúe xenio.
— Friedrich Engels, 1850. [7]
Unha das ideas centrais que presenta a xenial Contra-história do liberalismo de Domenico Losurdo é que a ideoloxía liberal buscou, desde o seu comezo, xustificar o escravismo. Os haxiógrafos dos Pais Fundadores da independencia norteamericana tenden a describila como “o trunfo das xentes amantes da liberdade”. Segundo este relato, o escravismo só sería unha imperfección persistente, un remanente retrógrado que foi xustamente solucionado pola Guerra Civil ao comezo da historia da nación, e calquera consecuencia que puidese ter a día de hoxe non sería impedimento para continuar a identificación fundamental do liberalismo, e das democracias occidentais, coa mesma idea de “liberdade”. Losurdo argumenta, porén, que o liberalismo é máis ben unha ideoloxía producida para satisfacer a necesidade dos capitalistas (empresarios, emprendedores, etc.) de xustificar a súa rebelión contra a monarquía e, simultaneamente, xustificar tamén o colonialismo, a doutrina do Destino Manifesto, o xenocidio dos pobos indíxenas, o escravismo e a supresión activa dos dereitos dos traballadores. Un precepto central desta ideoloxía capitalista é que os aristócratas terratenentes eran incompetentes como gobernantes, e que a sucesión hereditaria tiña un efecto paralizante no desenvolvemento económico. Porén, o liberalismo non se opón en absoluto á existencia dunha clase dominante: busca unha meritocracia que recoñeza o xenio como o seu principio reitor. Así, cando as revolucións capitalistas derrocaron o modo feudal de produción en favor do capitalismo e da ditadura da burguesía, a doutrina do dereito divino foi na súa maior parte substituída por un mito máis moderno: o racismo científico.
Os escritos dos faros do liberalismo deste primeiro período corroboran a tese de Losurdo.
John Adams, pai fundador dos Estados Unidos e presidente de 1797 a 1801, publicaba estas plabras baixo seudónimo en 1765:
Non imos ser os seus negros. A providencia non nos fixo negros. Seino, porque se fose así teríanos dado peles negras, e beizos grosos, e narices planos, e pelo curto e rizo, cousa que non pasou, e polo tanto sabemos que non nos quixo para escravos. Este é un siloxismo tan bo como o das facultades. Afirmo que somos xente tan fermosa como a da vella Inglaterra, e polo tanto temos que ser tan libres coma eles. [8]
Alexis de Tocqueville, filósofo francés que gañou fama como un dos principais observadores e defensores da tradición liberal en defensa das revolucións francesa e americana, dicía, en 1833:
A raza europea recibiu da providencia, ou adquiriu polo seu propio esforzo, unha superioridade tan indiscutíbel sobre as demais razas que compoñen a familia humana, que o individuo que nós mesmos situamos no escalafón máis baixo da sociedade, polos seus vicios e ignorancia, é aínda así primeiro de todos entre os salvaxes. [9]
Theodore Roosevelt Jr., presidente dos EUA de 1901 a 1909, dixo en 1886:
Non vou dicir que o único indio bo é o indio morto, pero creo que en nove de cada dez casos sono, e non vou investigar demasiado sobre o décimo caso. O vaqueiro máis depravado ten maior entidade moral que o indio medio. Se colles a trescentas familias de clase baixa de Nova York e Nova Jersey e as subvencionas durante 50 anos na más absoluta inactividade terás unha idea do que son realmente os indios. Descerebrados, vingativos, ignominiosamente crueis. [10]
Winston Churchill, que foi primeiro ministro do Reino Unido no período 1940-45 e 1951-55, dixo en 1902:
Imos ter que facernos cargo dos chineses e regulalos. A medida que as nacións civilizadas se volven máis poderosas, tamén se volverán máis crueis, e chegará o momento no que o mundo terá que soportar a existencia de grandes nacións bárbaras que en calquera momento poden tomar as armas e ameazar as nacións civilizadas. Creo na partición final de China. E cando digo final dígoo en serio. Espero que non teñamos que facelo no noso tempo. A raza aria está obrigada a vencer. [11]
Como acabamos de ver, hai posicións que hoxe recoñecemos como abertamente fascistas (violencia xenocida e supremacismo racial) e que eran perfectamente aceptadas e defendidas por influentes figuras políticas, nunca época que se considera tradicionalmente prefascista: a idealizada idade de ouro do capitalismo competitivo e de emprendemento. O mito do liberalismo é que abandeira o pluralismo político sen límite, porén, nunca houbo unha forza política de entidade nos EUA, no RU ou e Francia que chegase sequera a denunciar a violencia xenocida da acumulación primitiva.
O roubo e o asasinato son cuestións de forza bruta, pero a deshumanización é produto de toda unha superestrutura de escusas xurídicas, psicolóxicas e pseudocientíficas construída específicamente para xustificar esa violencia. Os pobos aboríxenes levan 50 000 anos habitando continuamente na terra que hoxe coñecemos como Australia, porén, a xurisprudencia europea non tivo problema en declarala terra nullius (terra de ninguén) en 1788. E o patrón repítese por todas partes: o xenocidio dos pobos indíxenas nos países agora chamados “Canadá” e “Estados Unidos” levouse a cabo non só con completa impunidade senón entre aplausos. A colonización de “África” e de “Asia” era descrita como unha “misión civilizadora”.
A farsa da retórica “civilizadora” si tivo unha forte oposición en Europa. Os traballos de Marx e Engels, que acabarían contribuíndo ás revolucións rusa e chinesa, e ás loitas anticoloniais subseguintes; destacaron pola súa denuncia da hipocrisía capitalista e da violencia colonial (se ben se centraban máis na cuestión da emancipación dos traballadores dos “países capitalistas avanzados”):
A profunda hipocrisía e a barbarie inherentes á civilización burguesa amósanse así descubertas ante os nosos ollos, pasando do seu berce natal, onde asumen facianas respectábeis, ata as colonias, onde se mostran sen máscara algunha. [12]
O traballo de pel branca non poderá emanciparse mentres o de pel negra siga marcado a ferro. [13]
Un pobo que oprime a outros nunca poderá ser libre. [14]
Nesta altura o socialismo era aínda unha forza menor, pouco máis que unha protesta instintiva contra a brutalidade manifesta do capitalismo. Aínda faltaba tempo para que conseguise a primeira vitoria significativa, a Comuna de París de 1870-71, pero a súa estrela estaba en rápido ascenso.
En paralelo ao crecemento desta oposición progresista ao liberalismo, comezaban a formarse tamén as filas dunha oposición reaccionaria. Como escribe Ishay Landa, os autores liberais do século XIX tales como John Stuart Mill, Alexis de Tocqueville e Max Weber tendían a expresar ansiedade máis que trunfalismo: “hai certamente algo ominoso e perturbador, desde un punto de vista burgués e pro-capitalista, na maneira na que o propio capitalismo se está configurando no político, no social e no cultural” [15]
Tanto Losurdo como Landa identifican a Friedrich Nietzsche como un dos representantes máis prolíficos desta tendencia:
Non somos liberais, de ningunha maneira, non defendemos o “progreso”; […] entendemos a necesidade de ordes novas, e de escravitudes novas. Pois todo fortalecemento e mellora do ser humano implica tamén un novo tipo de escravitude. [16]
Como demostra Losurdo en Nietzsche, o rebelde aristócrata (outro traballo monumental), Nietzsche perseguiu con tenacidade, a través de varias fases experimentais, un proxecto coherente para comprender a fonte auténtica da “enfermidade histórica” da modernidade e da súa tendencia cara (e Nietzsche non era o único que afirmaba isto) un igualitarismo da mediocridade. Nietzsche, igual que Marx e Engels, desprezaba a hipocrisía liberal e a súa racionalización pseudocientífica. Porén, Nietzsche situábase do lado oposto da contradición. Marx e Engels miraban cara o futuro, pero Nietzsche identificaba a máxima altura da civilización unha versión idealizada da antiga Grecia, e horrorizábase ante a Revolución Francesa e a Comuna de París. Nietzsche chegou ao extremo de identificar “a navallada do siloxismo (socrático)” como o comezo do fin, a primeira rebelión dos escravos envexosos contra a súa aristocracia:
Sócrates, na súa orixe, pertencía ás clases baixas: Sócrates era da chusma. Non é difícil coñecer, ver por un mesmo a súa fealdade. […] Con Sócrates, o gusto grego sofre un cambio a favor da dialéctica; e que é o que sucede realmente cando pasa isto? O que sucede é a derrota dos gustos máis nobles. Coa dialéctica quen gaña é a chusma. [17]
Os marxistas do mundo enteiro farían exactamente o contrario: mirarían ao futuro con optimismo, tratando, ao modo dialéctico, o paso do tempo e o cambio como aliados, e non como unha ameaza.
Podemos volver agora ás tres ideoloxías que mencionabamos ao comezo e situalas en referencia ás súas relacións coa institución do escravismo: mentres o liberalismo traballaba arreo para atopar xustificacións duradeiras para certos tipos de sometemento (e non outros), e os socialistas buscaban abolir o escravismo en todas as súas formas, o campo de Nietzsche o que buscaba era liberarse da (vulgar) necesidade de sequera ter que xustificalo. O filósofo tráxico e os seus simpatizantes especulaban que o escravismo, como a expresión máis completa da desigualdade, era un aspecto inherente e incluso romántico (quizais incluso o aspecto definitorio) da condición humana. Era esta unha verdade inevitábel que debería ser abrazada sen disimulos por aqueles capaces de facelo: os Úbermenschen.
Século XX, primeira parte: Revolución socialista e contrarrevolución fascista?
Adiantémonos agora un século, imaxinemos que ten éxito este meu attentat contra dous milenios de antinatureza e de violación do ser humano. O partido da vida, o que asumise como propia a meirande das tarefas, a cría dunha humanidade superior, xunto co exterminio sen paliativos de todos os elementos dexenerados e parasitarios; fará posible de novo na terra esa superfluidade da vida da que nacerá de novo a condición dionisíaca.
— Friedrich Nietzsche, 1888. [18]Que é o fascismo senón o colonialismo no corazón mesmo dos países tradicionalmente colonialistas?
— Frantz Fanon, 1961. [19]
Brevemente: En 1914, todos os grandes imperios europeos entraron en guerra total uns contra os outros debido a un equilibrio inestable de poder na Europa continental, resultante da competencia antiimperialista, de conflitos entre diferentes nacionalismos imperiais, e de fantasías acerca da capacidade da guerra de “facer homes aos nenos”. A Grande Guerra foi enormemente significativa non só en termos materias de mortes e destrución, senón tamén como un golpe ideolóxico á idea hexemónica de que a “civilización europea” era inevitable. A súa brutalidade radicalizou ao pobo de Rusia ata tal punto que os bolxeviques puideron levar a cabo unha revolución socialista triunfante no seu rexeitamento empático do mundo vello, pondo fin ao imperio ruso e fundando o primeiro estado dos traballadores. [20] No entanto, Alemaña foi humillada nunha derrota que implicou vagamente aos comunistas alemáns, os imperios británico e francés recibiron duros golpes, e a posición no mundo dos Estados Unidos viuse poderosamente reforzada.
Nesta época, o mundo fora xa completamente repartido entre os imperios marítimos europeos. As potencias negociaran xa entre elas a división de pobos lonxanos en “nacións” mediante o trazado de fronteiras rectilíneas sobre os mapas. De maneira arbitraria, impuxeron linguas e substituíron tradicións, instauraron institucións represivas e extractivas, e basicamente fixeron todo o que puideron por extraer riqueza das colonias e traela ao núcleo imperial. Estes diversos xenocidios eran denominados con eufemismos tales como “a carreira por África”, “o gran xogo”, “a idade dos descubrimentos”. Como describe o Imperialismo de Lenin, o roubo e o saqueo eran o negocio máis lucrativo da época.
O “Partido Nacional Fascista” italiano inaugurou oficialmente o fascismo como proxecto político en 1922. Os países fascistas (Italia, Alemaña, España e Xapón) tiñan todos algo en común no período anterior á “Guerra Mundial Antifascista” (como se coñece a Segunda Guerra Mundial en China): eran estados-nación independentes con economías capitalistas avanzadas, e tiñan tamén moi poucas colonias. Estes “países intermedios” estaban un chanzo por riba dos territorios colonizados e vasalizados de África, Asia e América do Sur, pero un chanzo por baixo dos verdadeiros imperios como o Reino Unido, Francia e os Estados Unidos. España é un caso perfecto: fora no pasado potencia colonial, pero no cambio de século, tras perder a guerra hispano-estadounidense de 1898, vírase obrigada a ceder Cuba, Puerto Rico e as Filipinas aos Estados Unidos. Esta perda, xunto coa onda de movementos independentistas en América Latina, simultaneamente reduciu o status de España ao de simple estado-nación, e elevou aos Estados Unidos no grupo das principais potencias imperiais. O imperialismo convertérase nun xogo de suma cero, no que uns só poden gañar a costa dos outros, o que explicaría que os capitalistas dos países fascistas se sentisen excluídos.
Os relatos modernos desta época, igual que esaxeran cando enfatizan o extremo no que aos Pais Fundadores os movía o “amor á liberdade”, confunden tamén deliberadamente a secuencia lóxica dos acontecementos que levaron ao expansionismo do Eixo, e buscan ocultar a lóxica económica subxacente presentando unha historia sobre a psicopatoloxía dunha malvada camarilla de usurpadores.
A realidade é que Adolf Hitler viu o xeito no que os Estados Unidos eliminaran e subxugaran os pobos negros e indíxenas como algo ao que aspirar, e buscou explicitamente recrear os logros do “Destino Manifesto” norteamericano. En palabras de Losurdo: “O obxectivo de Hitler ao desatar a guerra no leste era o de crear as ‘Indias Alemás’, como se denominaran algunha vez, o de conquistar un Lebensraum similar ao do Lonxano Oeste.” [21]
Do infame Mein Kampf do propio Hitler, publicado en 1925:
Hai hoxe un estado no mundo no que se poden observar polo menos os primeiros comezos dunha mellor concepción [das leis de cidadanía]. Por suposto, non se trata da nosa modélica República Alemá, senón da Unión Norteamericana, que fai un esforzo por guiarse polos camiños da razón, polo menos en parte. Ao rexeitar a inmigración por motivos de mala saúde, ao prohibir a naturalización de certas razas, profesa nos seus inicios unha visión que é particular ao concepto de estado racial. [22]
Das súas memorias en 1942:
A loita que estamos librando [na Crimea] contra os Partisanos non se diferencia moito da que libraron os Estados Unidos contra os indios vermellos. A vitoria será para o máis forte, e a forza está da nosa parte. Estableceremos alá a lei e a orde a calquera prezo. […] Saxonia, por dar un exemplo, experimentará un auxe comercial sen precedentes, e crearemos para ela un mercado de exportacións extremadamente lucrativo, que o xenio inventivo saxón desenvolverá. [23]
O parecido destas declaracións coas anteriores non deixa aos liberais en bo lugar. ¿Sorprende a alguén que non sexan máis coñecidas? Non é difícil ver por que os autores de divulgación histórica prefiren retratar a Hitler en termos apolíticos, como un pintor frustrado e tráxico, distanciándoo así dos seus antecedentes ideolóxicos.
A actitude empresarial de Hitler era compartida por Heinrich Himmler, arquitecto do Holocausto, que dixo, en 1943:
Hai un principio que debe ser absoluto para calquera membro das SS: debemos ser honestos, leais e amigábeis cos membros da nosa raza, e con ninguén máis. O que lles suceda aos rusos, aos checos, é algo que só me produce indiferenza. O sangue da nosa raza que haxa entre esas nacións adquirirémolo para nós, collendo os seus fillos e criándoos nas nosas casas se é preciso. Que os outros pobos vivan con comodidade, ou morran de fame, só me interesa porque os precisamos como escravos para nosa cultura, e nada máis. Que 10 000 mulleres rusas morran de fame ou non excavando unha trincheira antitanque para Alemaña só me preocupa na medida na que se escave esa trincheira. [24]
Podemos ver a mesma lóxica manifesta na brutalidade xaponesa por toda Asia, e na conquista italiana de Abisinia (o imperio de Etiopía) en 1935. Se España non conseguiu grandes avances na cuestión de “recuperar a gloria pasada” foi porque os fascistas españois tiveron máis problemas en reprimir a oposición interna que os de outras partes do mundo.
Aínda máis, o proceso de colonización “tradicional” no que os fascistas se inspiraron non rematara aínda. Winston Churchill falou en termos practicamente idénticos en 1937, no contexto do apoio británico ao proxecto colonial sionista en Palestina:
Non lle recoñezo a un can que viva nun pallar dereito ningún sobre o pallar, aínda que leve moito tempo vivindo nel. Non lle recoñezo ese dereito. Non recoñezo, por exemplo, que se lle teña feito un grande agravio aos indios vermellos de América, ou aos negros de Australia. Non recoñezo que se lle teña feito un grande agravio a eses pobos só polo feito de que unha raza máis forte, unha raza superior, ou, como mínimo, unha raza máis intelixente, por dicilo así, viñese ocupar o seu lugar. Non recoñezo tal cousa. Non penso que o indio vermello teña ningún dereito a dicir, por exemplo “o continente americano é noso e non imos permitir a presenza de colonos europeos”. Non tiñan o dereito e tampouco tiñan a forza. [25]
Pouco despois, en 1943, falou así sobre os súbditos coloniais británicos na India, cando de tres a catro millóns morrían de fame como resultado das políticas do propio Churchill:
Odio os indios -díxolle ao Secretario de Estado para a India, Leopold Amery-. Son un pobo de bestas cunha relixión de bestas. A fame foi culpa deles -declarou nunha reunión do consello de guerra- por “reproducirse como coellos”. [26]
Ao chegar a este punto, cando se ven enfrontados a este nivel de cinismo e de indiferenza ao sufrimento humano, cando a existencia dunha liña que separe o liberalismo do fascismo se ve ameazada, os liberais tenden a caer no clásico retrouso europeo: “Daquelas todo o mundo era racista”. Procede entón ver como se expresaba no mesmo período o principal dirixente do campo socialista, que foi pintado amplamente a posteriori como un carniceiro e un matón antiintelectual:
Iósif V. Stalin, secretario xeral do Partido Comunista da Unión Soviética de 1922 a 1952, describía así o problema do antisemitismo na súa correspondencia cunha axencia de prensa norteamericana:
O chauvinismo nacional e racial é un vestixio dos costumes misántropos característicos da época do canibalismo. O antisemitismo é unha forma extrema de chauvinismo racial, e polo tanto o vestixio máis perigoso do canibalismo.
O antisemitismo serve aos explotadores como un pararraios que absorbe os golpes asestados polo pobo traballador contra o capitalismo. O antisemitismo é perigoso para o pobo traballador, é un camiño falso que os afasta do camiño correcto e que os leva ata a selva. Polo tanto os comunistas, como internacionalistas coherentes, non poden máis que ser inimigos irreconciliables do antisemitismo.
O antisemitismo na URSS está suxeito a castigo coa máxima severidade da lei, como fenómeno profundamente hostil ao sistema soviético. Baixo a lei da URSS, o antisemitismo activo pode castigarse coa pena de morte. [27]
Esta resposta fainos cuestionar a hermenéutica da sospeita común á maioría das visións occidentais de Stalin. Isto é porque, tal e como Marx e Engels denunciaban o colonialismo con base no interese colectivo dos traballadores occidentais na súa emancipación, o rexeitamento do antisemitismo por parte de Stalin non só é unha posición moralmente correcta, é tamén funcional. Non é necesario confiar en Stalin para entender que o que di ten sentido independentemente do prexuízo persoal que lle imaxinemos. En comparación coa psicopatoloxía liberal que se nos ofrece como historia, a metáfora de Stalin ofrece unha explicación moi superior á pregunta de por que a burguesía industrial gobernante en Alemaña consideraría útil espallar propaganda antisemita: “serve como un pararraios que desvía os golpes do pobo traballador contra o capitalismo”.
Stalin rexeitou de xeito aínda máis enfático a doutrina do supremacismo racial nun informe remitido ao 17 congreso do Partido en 1934, no cal falaba do proxecto de expansión de Hitler:
Aínda outros pensan que a guerra debe ser dirixida por unha “raza superior”, digamos, a “raza” alemá, contra unha “raza inferior”, digamos principalmente a eslava; e que só unha guerra tal pode dar saída á situación, pois a misión da “raza superior” sería gobernar a “raza inferior” e poñela a producir.
Asumamos que esta estraña teoría, tan separada da ciencia como a terra do ceo, é posta en práctica. Cales poderían ser entón os resultados? Ben se sabe que a antiga Roma tiña unha visión das tribos antecesoras aos actuais alemáns e franceses moi similar á que os representantes da “raza superior” teñen agora das razas eslavas. Ben se sabe tamén que a antiga Roma os trataba como a “raza inferior”, como “bárbaros” destinados a vivir en eterna subordinación á “raza superior”, á “grande Roma”, e, entre nós, digamos que os romanos si que tiñan motivos para dicir isto que non teñen os representantes da “raza superior” de hoxe (estrondoso aplauso).
Pero cal foi a resolución de todo iso? A resolución foi que os non romanos, o que quere dicir, todos os “bárbaros”, se uniron contra o inimigo común e inflixiron unha derrota estrepitosa a Roma. Xurde a cuestión: Que garantía hai de que as afirmacións dos representantes da “raza superior” de hoxe non van levar ao mesmo resultado? Que garantía teñen os políticos literarios fascistas de Berlín de que van ter máis sorte que os conquistadores expertos da antiga Roma? Non sería máis correcto dicir que a resolución vai ser a contraria da que imaxinan? [28]
En ningún momento chegou Stalin a considerar a Hitler como nada parecido a un aliado. Xa en 1936, nunha entrevista ao xornalista norteamericano Roy W Howard, expresaba así a súa preocupación polo expansionismo fascista:
Na miña opinión hai dúas zonas de perigo bélico. A primeira é no oriente, na zona de Xapón. Preocúpanme as numerosas declaracións dos militares xaponeses inzadas de ameazas militares contra outras potencias. A segunda é na zona de Alemaña. Sería difícil dicir cal destas ameazas é maior, pero ambas existen e teñen actividade. En comparación con estas dúas zonas principais de perigo bélico, a guerra italo-abisina é un episodio. No momento, a zona de perigo oriental é a que ten máis actividade, pero o centro do perigo ben pode cambiar rapidamente a Europa. Isto pode verse, por exemplo, na entrevista que Herr Hitler deu recentemente a un xornal francés. Nesta entrevista Hitler parece intentar expresarse de forma pacífica, pero adoba o seu pacifismo con tantísimas ameazas contra Francia e a Unión Soviética que non queda moita paz no seu discurso. Xa ve, que incluso cando Herr Hitler quere falar de paz, non pode evitar proferir ameazas. Isto é un síntoma. [29]
Comparemos esas declaracións con estas outras de Winston Churchill en 1935:
Non podemos saber agora se Hitler será a persoa que libere outra guerra no mundo ante a cal a civilización enteira sucumbirá, ou se pasará á historia como a persoa que restaure a honra, a paz e a tranquilidade da grande nación xermánica e a traia, forte e voluntariosa, a ocupar de novo o seu lugar de honra na grande familia europea. [30]
Churchill, de novo, ante a Cámara dos Comúns en 1937:
Non vou finxir que, se me vise obrigado a escoller entre comunismo e nazismo, escollería o comunismo. [31]
Para amosar a popularidade esta actitude (que certamente non era só de Churchill), vexamos como Mackenzie King, primeiro ministro do Canadá de 1935 a 1948, celebraba o seu encontro con Hitler en 1937:
“Falando con el, non podía evitar comparalo con Xoana de Arco”, escribiu esa noite King no seu diario. Na entrada multiplicábanse as páxinas sobre Hitler, que raiaban na monomanía. O líder alemán era “eminentemente sabio”, un “místico”, e viña “liberar o seu pobo da tiranía”. King detallaba obsesivamente a vida de Hitler, o seu vexetarianismo, o seu amor á natureza, a súa suposta relixiosidade. Recordaba cada detalle da reunión: A roupa que levaba Hitler, como colocaba as mans, o seu “sorriso empático”, a súa pel “suave”.
[…]
O extremismo racista dos nazis non era ningún segredo cando King visitou o Terceiro Reich. As queimas de libros comezaran xa en 1933 e os xudeus alemáns sufrían cada vez máis privacións das súas propiedades, empregos e dereitos. O propio alcalde de Berlín prohibira, só dous meses antes da visita de King, a asistencia dos nenos xudeus á escola pública. No entanto, Alemaña rearmábase. As súas tropas entraran xa na desmilitarizada Renania, violando abertamente os termos do Tratado de Versalles.
[…]
King non só cría no que dicía Hitler, chegou a referiuse [a unha das súas afirmacións sobre a paz] como unha “verdadeira declaración de humildade”. [32]
Harry Truman, un congresista norteamericano que non tardaría en ser nomeado vicepresidente e, tras a morte de Roosevelt, presidente de 1945 a 1953, pronunciou estas palabras no Senado estadounidense o 23 de xullo de 1941:
Se vemos que Alemaña está gañando, debemos axudar a Rusia, e se Rusia está gañando debemos axudar a Alemaña, e desta maneira deixar que se maten cantos máis mellor, aínda que non quixera ver a Hitler victorioso baixo ningunha circunstancia. [33]
Con este contexto, podemos entender que cando a Unión Soviética propuxo aos países occidentais unha alianza militar contra Hitler, a proposta fose rexeitada:
Hai documentos que se conservaron en segredo durante máis de 70 anos que amosan que a Unión Soviética ofreceu enviar unha forza militar significativa para convencer ao Reino Unido e a Francia de unirse a unha alianza antinazi.
[…]
A proposta do envío dunha forza militar para axudar a conter a Hitler foi adiantada por unha delegación militar soviética de alto rango nunha reunión celebrada no Kremlin con funcionarios británicos e franceses de alto nivel, dúas semanas antes do inicio da guerra en 1939.
[…]
Porén, o lado francés e británico (que tiñan instrucións dos seus gobernos de manter conversas pero non autorización para chegar a acordos vinculantes) non respondeu ao ofrecemento soviético, que foi feito o 15 de agosto de 1939. Stalin acudiu entón a Alemaña, asinando o famoso pacto de non agresión con Hitler só unha semana despois. [34]
A dirección da Unión Soviética non ignoraba a realidade de que para os gobernos tanto dos imperios consolidados como dos aspirantes fascistas a URSS era unha potencia ilexítima e perigosa, unha conspiración “da chusma”, de xudeo-bolxeviques e eslavos antipatriotas. No Pacto de Múnic de 1938 (un ano antes da firma pacto de non agresión entre a URSS e a Alemaña nazi), o Reino Unido, Francia e Italia acordaran aplacar a Hitler entregándolle os Sudetes, un territorio checoslovaco habitado por máis de tres millóns de persoas. Asinábanse pactos atroces coa Alemaña nazi mentres se rexeitaban outros sensatos coa Unión Soviética porque o liberalismo e o fascismo coincidían en dous aspectos cruciais: o dominio da burguesía e o racismo.
Volvamos á cuestión do antisemitismo e da deshumanización: é habitual que se faga unha distinción e o Holocausto e outros xenocidios por causa 1) da súa proporción industrial 2) de que negou a humanidade de persoas que eran xeralmente aceptadas como seres humanos por parte do mundo “civilizado”.
O uso de medios industriais é debido a que estes medios estaban dispoñibles para a maquinaria de guerra nazi. Os nazis, que conste, non foron os primeiros en usar os últimos avances tecnolóxicos no exterminio de inocentes. Xa os primeiros colonos norteamericanos foron pioneiros do bioterrorismo moito antes da creación do Proxecto Manhattan ou da invención do dron. Esta creatividade nunca se limitou a “armas de fogo, xermes e aceiro”. As memorias de Benjamin Franklin descóbrennos que o proxecto xenocida norteamericano facía un uso consciente do alcohol como arma de guerra:
Se fose o ditado da Providencia que extirpásemos a estes salvaxes para facer sitio para quen veña traballar a terra, non sería estraño que o ron fose o medio escollido. Xa conseguiu aniquilar a todas as tribos que habitaban a costa. [35]
A segunda característica é máis perturbadora: a agresividade e a ambición cualitativa do proceso fascista de deshumanización. A Alemaña nazi declarou como infrahumanos a eslavos e xudeus a pesar de, e precisamente por, as súas boas fortunas económicas. Xapón declarou inferiores a todos os demais pobos asiáticos con total desprezo ás súas evidentes grandezas pasadas. Non estamos falando aquí de prexuízos arbitrarios que se puidesen ter evitado con intervencións positivas no momento xusto, ou cunha “maior conciencia histórica”, como se afirma ás veces. A deshumanización era unha condición sine qua non, necesaria para poder xustificar a declaración da Europa do Leste, e das terras circundantes a Xapón, como terra nullius, terra de ninguén; para poder xustificar o desencadeamento da expansión imperialista cara un mundo xa totalmente “descuberto”, totalmente habitado. En outras palabras, o racismo científico fascista tivo, nos comezos do século XX, exactamente o mesmo papel que o racismo científico liberal tivo na “idade dos descubrimentos”, dirixido, iso si, cara un conxunto diferente de obxectivos, e agora ante os ollos de todo o mundo, un mundo agora con voz e interconectado.
En 1942 Stalin dixo:
É moi probable que a guerra pola liberación do territorio soviético teña como conclusión a expulsión ou destrución de Hitler e dos seus cómplices. De ser así, sería un desenlace a celebrar. Pero sería ridículo identificar a Hitler e á súa camarilla coa totalidade do pobo alemán e do estado alemán. A historia demostra que os Hitlers do mundo veñen e van, pero que o pobo alemán e o estado alemán permanecen. Por último, a forza do Exército Vermello radica en que non alberga nin pode albergar odio racista contra outros pobos, o que inclúe o pobo alemán; radica en que foi instruido nos principios da igualdade entre todos os pobos e todas as razas, no respecto polos dereitos dos outros pobos. [36]
Vexamos agora como Franklin D. Roosevelt expresaba en 1944 exactamente a posición contraria:
Debemos ser inclementes con Alemaña, e falo do pobo alemán e xeral, non só dos nazis. Debemos castrar ao pobo alemán ou tratalo de tal xeito que non se poida seguir reproducindo. [37]
As declaracións de Roosevelt presaxian o que moitos xa sabemos: a derrota formal das potencias autodeclaradas fascistas non suporía o final do fascismo como filosofía política.
Século XX, segunda parte: O liberalismo moderno e a invención do “totalitarismo”
Vinte e catro anos de traballo e disciplina formaron unha gloria eterna, cuxo nome é o Exército Vermello. Calquera persoa que ame a liberdade ten unha débeda tan grande co Exército Vermello que nunca a poderá pagar.
— Ernest Hemingway, 1942. [38]Nunca esqueceremos a actitude humana da Unión Soviética, a única das grandes potencias que abriu as portas a centos de miles de xudeus cando os exércitos nazis marcharon sobre Polonia.
— Albert Einstein, 1945. [39]
En 1939, os Estados Unidos negaron o dereito de atraque ao barco de pasaxeiros MS Saint Louis, que portaba case mil refuxiados xudeus de Europa. Tras o seu retorno a Europa, 254 deles morreron no Holocausto. Só un ano despois, a Unión Soviética abriu as portas a “centos de miles de xudeus” que escapaban da persecución nazi. Como puideron os Estados Unidos salvar a cara despois disto? Como puideron salvar a cara despois de entrar tarde na guerra, despois de permitir deliberadamente que a Unión Soviética sufrise cincuenta veces máis baixas das que sufriron os norteamericanos, segundo as recomendacións explícitas de Truman? Como puideron salvar a cara despois de empregar armas nucleares contra civís xaponeses sen máis motivo que o de ameazar á Unión Soviética, un feito que horrorizou ao mundo? [40]
Alén dunha campaña anticomunista a escala mundial de terrorismo e asasinatos masivos, os Estados Unidos conseguiron falsificar con éxito a historia mediante a campaña de propaganda máis sofisticada, lonxeva e profunda da historia. Para isto empregaron a radio, o cinema e a televisión cunha intensidade sen precedentes. Centrémonos na chave de bóveda ideolóxica desta campaña, á que os propagandistas occidentais se ateñen con disciplina aínda a día de hoxe: a invención da categoría de “totalitarismo”.
Hannah Arendt, xudía nacida en Alemaña e refuxiada da Alemaña nazi, naturalizouse norteamericana en 1950. Un ano despois publicou As orixes do totalitarismo, o libro que a catapultou á fama intelectual. A súa propia experiencia como sobrevivente do fascismo conferiulle unha credibilidade inexpugnable e axudouna a establecerse no canon. Porén, as súas críticas non apuntaban só ao fascismo. No seu libro, denunciou o fascismo e o comunismo en termos xeralmente simétricos, como diferentes expresións do perigo constituído polo “home masa”:
Non sabemos aínda o que sucederá cando o verdadeiro home masa tome o poder, aínda que podería ser probábel esperar que vaia ter máis en común co meticuloso e calculador Himmler que co fanatismo histérico de Hitler, que posúa a sequidade insistente de Molotov en troques da crueldade vingativa e sensual de Stalin. [41]
Noutras partes do mesmo texto, vemos como se esforza por separar o colonialismo en Suráfrica dese “totalitarismo”:
[Os nativos] eran seres humanos, digamos “naturais”, que carecían dun carácter especificamente humano, dunha realidade especificamente humana, así que cando os europeos os masacraron non eran conscientes, polo motivo que fose, de estar cometendo asasinatos. Aínda máis, a masacre sen sentido das tribos nativas do continente negro foi tamén consecuente coas propias tradicións desas mesmas tribos. [42]
Segundo este argumento, aínda sendo máis “fanáticos” ou máis “meticulosos”, os totalitarios “eran conscientes de estar cometendo asasinatos”, mentres que os colonizadores estarían relativamente exentos, xa que as súas “masacres sen sentido” as levaban a cabo contra criaturas “que carecían dun carácter especificamente humano”. Esta formulación é esencialmente unha actualización da infame xustificación que facía John Seeley do imperialismo británico no século XIX (“parece que tivésemos conquistado medio mundo como quen non quere a cousa”) para unha nova era na que había estados independentes facéndose o bastante fortes como para desafiar a hexemonía das potencias do Atlántico Norte. Arendt recolle a afirmación de Seeley e convértea na diferencia clave entre o (perdoable) colonialismo e os (criminais) fascismo e comunismo: a colonización foi algo que se inflixiu aos salvaxes accidentalmente, mentres que o fascismo escravizou pobos deliberadamente, e o socialismo expropiou aos capitalistas deliberadamente. O ascenso de occidente é imaxinado así como un proxecto natural, ante o cal, por contraste, os proxectos socialista e fascista serían antinaturais. Con este enfoque, non importa xa se as intencións dos radicais eran boas ou malas, nen os obxectivos que conseguisen. O único que importa é que son radicais, que se están opoñendo a algo predestinado.
En 1957 Arendt clarificou as súas lealdades nun ensaio tan impresentable que os seus defensores na esquerda aínda sofren para desculpala. Facía unha análise das tensións que creaba a integración escolar no contexto duns Estados Unidos nos que imperaba a segregación racial:
Porén, o principio da igualdade, incluso na súa expresión norteamericana, non é omnipotente; non pode igualar características físicas, naturais. É moi posible polo tanto que o logro da igualdade social, económica e educativa para os negros sexa algo que avive, máis que rebaixe, os problemas da cor neste país. O dereito á libre asociación, e polo tanto á discriminación, debe prevalecer sobre o principio da igualdade. [43]
Esta era a perspectiva da principal experta en “totalitarismo”, que deu nome ao Instituto Hannah Arendt para a investigación sobre o totalitarismo en Dresde, Alemaña.
Outro crítico moi aplaudido do “totalitarismo” foi George Orwell. En 1946 explicaba así a súa misión:
Todo o que teño escrito desde 1936 escribino, de xeito directo ou indirecto, sempre contra o totalitarismo e a favor do socialismo democrático, tal e como eu o entendo. [44]
Un pouco máis botado para adiante que Arendt, un pouco máis sazonado, Orwell xuraba fidelidade a un socialismo “democráctico” (a función deste redundante adxectivo sempre é a de expresar rexeitamento e condena a outros socialismos). As autoridades occidentais agradeceron ben a súa colaboración na súa loita contra a Unión Soviética, nun movemento que non sorprendeu a ninguén. Apoiaron o seu traballo con grande entusiasmo, e a CIA chegou ao punto de financiar completamente a primeira adaptación do seu manual de trotskismo para nenos, A granxa dos animais. [45]
Orwell tamén traballou como delator ao servizo da intelixencia británica, á que informou sobre posibles subversivos comunistas nos círculos intelectuais de Londres:
Hai un solapamento evidente e notorio no caderno de Orwell entre moitas das figuras públicas gais, xudías e anticoloniais dos anos 40 e os chamados “criptos”. O caderno de sospeitosos de Orwell está repleto de comentarios retrógrados. Os xudeus están claramente identificados (“xudeu polaco”, “xudeu inglés”, “xudía”), incluso algúns que non o son (“Charlie Chaplin — xudeu?”). Aparece na lista de Orwell o cantor afroamericano (que logo sería activista polos dereitos civís) Paul Robeson, cualificado de “moi antibranco”, mentres que o poeta de ascendencia xudía Stephen Spender é condenado como “simpatizante sentimental… con tendencias homosexuais”. [46]
Nun texto de 1941 fala dos seus colegas pouco patriotas e das súas críticas ao imperio británico, e Orwell non dubidaba en facelos “responsables en parte” pola agresión nazi:
Inglaterra é quizais o único grande país onde os intelectuais nos avergoñamos da nosa propia nacionalidade. Nos ámbitos de esquerda, ser inglés é vivido con certa culpa, e existe a obriga non escrita de desprezar todas as institucións inglesas, desde as carreiras de cabalos ao pudin de sebo. É un feito estraño pero incuestionable que case calquera intelectual inglés sentiría máis vergonza de poñerse de pe durante o God save the King que de ser descuberto roubando do cepillo. Xa durante os anos cruciais, moitos esquerdistas se dedicaron a minar aos poucos a moral de Inglaterra, espallando unha ideoloxía ora melindrosa e pacifista, ora violentamente pro-rusa, pero sempre antibritánica. Está a debate canto efecto tivo isto, pero certamente tívoo. Se o pobo de Inglaterra sufriu durante anos un debilitamento verdadeiro da súa moral, tal que as nacións fascistas o xulgaron decadente e se viron seguras á hora de declararlle a guerra, a responsabilidade en parte recae na sabotaxe intelectual por parte da esquerda. [47]
Orwell atacou aos socialistas ingleses pola súa falta de lealdade do mesmo xeito que Arendt disciplinaba aos críticos dos Estados Unidos: ingratos dogmáticos, incapaces de comprender a sorte que tiñan. Como ambos predicaban a doutrina do “dobre mal”, tan útil para os cruzados anticomunistas, eran constantemente agasallados, a pesar da súa mediocridade como escritores, con premios e reimpresións. O seu camiño á fama foi apoiado polos mesmos corpos de intelixencia que durante a guerra fría e boa parte do século XXI nunca pararon de desaparecer, silenciar, marxinar e asasinar a esquerda de “liña dura” (comunista).
Aínda que estes adaís da guerra fría cultural son bos exemplos dunha tendencia intelectual, nunca ocuparon oficialmente cargos de poder. Observemos agora estas mesmas posicións expresadas por un dos arquitectos do imperio norteamericano da época.
George Kennan, un dos creadores da “doutrina Truman” e do “plan Marshall”, reflectía sombrizamente en 1946 sobre o desafío xeopolítico constituído pola URSS:
O primeiro que me choca das medidas de presión é que difiren de maneira significativa no caso dos estados totalitarios e dos estados democráticos. […] Sería un erro sobreestimar a utilidade das armas económicas cando se usan como método de presión contra grandes estados totalitarios, especialmente cando estes estados son en si mesmos potencias económicas. Esto é particularmente certo no caso da Unión Soviética, xa que os líderes soviéticos sempre dan primacía aos aspectos políticos antes que aos económicos neste tipo de confrontacións. [48]
Neste pasaxe en particular, Kennan defende a “democracia” contra o “totalitarismo”. Que quere dicir isto? Que quere dicir “dar primacía aos aspectos políticos antes que aos económicos” e por que é isto unha característica totalitaria, antidemocrática? Nun memorando de alto segredo de 1948, Kennan exprésase xa con máis liberdade e claridade:
Controlamos aproximadamente o 50 % da riqueza mundial, pero soamente o 6.3 % da poboación. Esta desigualdade é particularmente grave se comparamos o noso caso co dos pobos de Asia. Nesta situación, non podemos evitar ser obxecto de envexa e resentimento. A nosa tarefa no vindeiro período é a de desenvolver unha rede de relacións que nos permitan manter esta posición de desigualdade sen prexuízo da nosa seguridade nacional. Para tal fin precisamos desprendernos de todo sentimentalismo e fantasía. Toda a nosa atención debe estar concentrada, por toda a parte, na consecución dos nosos obxectivos nacionais inmediatos. Non debemos pensar, erradamente, que podemos permitirnos ser altruístas e filántropos. [49]
Esta é a realpolitik sobria e desprovista de emoción que leva dirixindo o terrorismo anticomunista en todo o mundo durante os últimos 70 anos. Quizáis puidésemos seguir aínda tentando distinguir o fascismo do liberalismo moderno argumentando que a discriminación racial xoga un papel limitado neste último, pero incluso esta (feble) distinción queda pulverizada cando lemos os diarios do propio Kennan en 1978:
[Kennan] imaxina que o destino da humanidade é o de “fundirse nunha inmensa masa políglota”, da que só se manterían á parte os chineses, os xudeus e os negros. “Quere isto dicir que están estas tres minorías destinadas a subxugar e dominar, como inestable pero inevitable triunvirato, ao resto da sociedade; os chineses pola súa combinación de intelixencia, crueldade e industriosidade; os xudeus pola súa determinación inquebrantábel de sobrevivir como cultura; os negros polo seu resentimento incurable e o seu odio aos brancos?” [50]
En ausencia de grandes desacordos, parecera que os “políticos literarios fascistas”, os Hitlers e os Mussolinis dos que Stalin facía mofa anos atrás, se distinguen de posteriores adaís da guerra fría unicamente porque estes buscaban unha mellor posición entre as potencias imperiais, e os outros operan con impunidade e secretismo desde o pináculo do “meirande país do mundo”.
O mito do “totalitarismo” permitiulles aos propagandistas occidentais reescribir a historia a manchea, e acusar aos socialistas de complicidade cos fascistas mentres a un tempo recrutaban e asentaban fascistas en posicións de poder en todo o mundo: Wernher von Braun, Walter Hallstein, Adolf Heusinger, Klaus Barbie, Nobusuke Kishi, Augusto Pinochet, Syngman Rhee, Suharto… a lista é infinita. Conseguiron intimidar ao mundo para erixir todo tipo de barricadas diplomáticas e económicas contra a Unión Soviética, e así estrangular ata a morte o primeiro estado antiimperialista dos traballadores.
Lonxe de desaparecer co colapso da Unión Soviética, o mito do “totalitarismo” prevalece como un compoñente persistente da propaganda norteamericana, e é empregado contra calquera país cuxo goberno se negue a axeonllarse ante a suprema sabiduría das “democracias liberais” e dos “libres mercados”. Alén do seu papel agresivo na política exterior, o mito do “dobre totalitarismo” xoga tamén un grande papel no plano doméstico, enlamando en grande medida calquera proxecto de organización anticapitalista, incluso no contexto dunha apocalipse climática. Calquera forma de disciplina que non leve estampada a aprobación polos mercados é condenada como sinónimo de crueldade e hecatombe.
Pola contra, alá onde foi frustrada esta campaña de propaganda, o comunismo sobreviviu. Durante a pandemia do COVID-19, a rápida intervención estatal dos países socialistas, a pesar de ser denunciada (e condenada) por todos e cada un dos xornais occidentais (incluíndo máis dun medio “de esquerdas”), salvou millóns de vidas. O ser humano venceu por sobre a vontade xenocida do capital.
Isto trae á cabeza unha cuestión mencionada por Fidel Castro en 1993:
Nin a China nin o Vietnam se autodestruíron. Falamos moito do socialismo que desapareceu coa Unión Soviética, pero por que non falamos do socialismo chinés? [51]
É preciso entendermos a cuestión da particular acollida que ten en occidente a propaganda sobre o “totalitarismo”. Unha vez comprendemos esta cuestión, da nosa comprensión emerxe unha solución ao problema.
Marx, Nietzsche e a acción consciente
No noso relato, deixaramos desatendida a cuestión de Nietzsche e das simetrías e disimetrías entre Marx e Nietzsche. Agora é o momento de retomala e de explicar por que a considero tan útil.
Nietzsche falaba así das máscaras:
Todo espírito profundo precisa unha máscara. Aínda máis, hai unha máscara que medra constantemente arredor de todo espírito profundo. [52]
Contrastemos isto coa maneira na que Marx e Engels promulgaban os seus ideais, e exhortaban a quen os lese a facer o mesmo, no Manifesto comunista:
Os comunistas consideran indigno ocultar as súas ideas e propósitos. Proclaman abertamente que os seus obxectivos só poden ser alcanzados derrocando pola violencia toda a orde social existente. [53]
Contrastemos como polemizaba o Nietzsche da primeira época a favor do “novo escravismo” e das virtudes da Antigüidade, mentres que para Marx nunca houbo dúbida de que o maior heroe da Antigüidade foi o líder das revoltas dos escravos: “Espartaco érguese ante nós como o máis espléndido camarada de toda a historia antiga.” [54]
Un Marx máis novo expresaba así a súa visión da utopía en A ideoloxía alemá, a posibilidade dunha sociedade libre da división do traballo:
Na sociedade comunista, ningunha persoa estará confinada a un eido exclusivo de actividade e todas poderán realizarse en calquera ámbito que desexen, a sociedade regulará a produción xeral e polo tanto fará posible que eu me adique a unha cousa hoxe e a outra mañá, a cazar pola mañá, a pescar pola tarde, a tornar o gando á tardiña, a facer crítica política despois da cea, tal e como eu dispoña, sen necesidade de converterme en cazador, pescador, gandeiro ou crítico. [55]
Pola súa banda Nietzsche describe en Humano, demasiado humano unha utopía diferente, unha sociedade escura organizada arredor da severa esixencia da creación do xenio en condicións de escaseza:
A miña utopía. Nunha sociedade mellor organizada, o traballo pesado e os problemas da vida serán asignados a quen sufra menos por eles, aos máis obtusos, e así ascendendo sucesivamente ata chegar aos que sexan máis sensibles aos sufrimentos superiores e máis subilimes, e que a pesar de todo aínda sufren os meirandes alivios da vida. [56]
Nietzsche non era parvo. Sería un erro descartar estes aforismos como o desbarre antisocial dun misántropo solitario. Volvendo a Waite, o proxecto de Nietzsche é “a única posición fóra do comunismo”. Nietzsche expresa unha desconfianza xeral sobre a capacidade do socialismo de producir felicidade masiva, e os seus argumentos son facilmente asumibles por calquera persoa que sinta a súa individualidade ameazada por un colectivo. Stalin (e o seu campo) reivindicaban a Marx, mentres que Hitler (e o seu campo) reivindicaban a Nietzsche… e a maioría do mundo occidental pasou, tamén, a reivindicar a Nietzsche. Chega con achegarse a calquera librería para comprobalo. Toda obra de Nietzsche é agora considerada un clásico, nunca é descatalogada, e podemos atopala tanto nas mochilas dos adolescentes como en seminarios académicos.
Acusar a Nietzsche de ser o fascista primixenio, aínda de ser un protofascista, enxendra unha resposta moi predicible: os seus innúmeros fans apresúranse a explicar que el nunca apoiou directamente ao partido nazi, que xa estaba morto, que calquera ligazón súa co proxecto nazi se debe a unha conspiración orquestrada pola súa irmá, nacionalista alemá; que Nietzsche condenaba aos etnonacionalistas alemáns e se burlaba dos antisemitas, que a súa filosofía era de feito estética e espiritual, antisistémica, imposible de categorizar, e que no final superou as ideas erradas que tivera na súa mocidade.
Domenico Losurdo examina todas e cada unha destas defensas en detalle, incluíndo a da teoría da conspiración, na súa biografía crítica sobre Nietzsche. Nietzsche revélasenos como un pensador poderoso e complexo, que en efecto atravesou múltiples fases e sostivo ideas contraditorias, pero Losurdo amosa que existe unha constante na súa traxectoria: Nietzsche sempre se mantivo constante no seu empeño de atopar a mellor maneira de oporse ás tendencias igualitarias da modernidade, que desprezaba. Ironicamente, despois de expor a correspondencia de Nietzsche con antisemitas declarados na súa mocidade, Losurdo cede algo de terreo aos seus defensores:
Pode que o consello de Cosima de que hai que ter coidado co que se di tivese un efecto positivo: lonxe de limitarse ao ámbito verbal, a autocensura levou a unha especie de sublimación e transcendencia do inmediato, no senso de que a análise implacábel da modernidade adquiriu certa autonomía dos temas xudeofóbicos que a acompañaban. [57]
Noutras palabras: cando os seus correspondentes antisemitas aconsellaron a Nietzsche que ocultase o racismo na súa obra, animárono indirectamente a atopar xustificacións para o escravismo e o elitismo sen basearse nos argumentos modernos e universalistas (e polo tanto inestables, refutables empiricamente) do racismo científico. Despois de todo, o racismo científico é, tanto lóxica como historicamente, unha construción do liberalismo. Se resulta que as diferencias raciais non son inherentes, o argumento (liberal) en favor da supremacía branca queda refutado. O racismo liberal aínda sinte a necesidade de xustificarse en termos científicos e universais. Como Nietzsche observou correctamente, isto en si mesmo xa é unha capitulación ao socialismo, que gaña máis terreo canto máis xente empregue colectivamente o razoamento científico. Para condenar verdadeiramente o socialismo, Nietzsche concibiu a dominación de clase como unha cuestión de vontade, estética, “liberdade” e espírito.
De igual maneira que as condicións materiais da loita polos recursos das potencias capitalistas no contexto dun planeta xa ocupado nos axudan a entender o fascismo como un fenómeno xeopolítico máis que como unha psicopatoloxía, tamén Nietzsche nos axuda a entender o atractivo ideolóxico real que pode ter o fascismo para a xente común e educada. Nietzsche axuda a explicar como as fantasías de “escravitude” e “exterminio” poden chegar a soar respectables e incluso fermosas. Nietzsche tiña un talento especial para facer que os seus lectores se sentisen especiais e fortes como recompensa por asumir o seu profundo pesimismo misántropo:
Que a boa razón nos garde da crenza de que un destes días a humanidade descubrirá unha orde ideal, definitiva, e que despois disto brillará a felicidade con total intensidade e constancia sobre a xente así ordenada, igual que o sol nos trópicos: […] non haberá idade de ouro nen ceos azuis para estas xeracións vindeiras […] non se estenderán a bondade e a xustiza superhumanas sobre os campos do futuro. [58]
Agora podemos comprender por que as masas chinesas e soviéticas xeraban unha revulsión tan grande entre os aspirantes a aristócratas de occidente, como incluso o proletariado de occidente se sinte cómodo concibíndoas crédulas, como “rabaños” ou “insectos”. O pensamento nietzschiano, a diferenza do pensamento hitleriano, é respectado e recoñecido como influencia por persoas en posicións de poder en case calquera institución da nosa sociedade: no eido académico (Hannah Arendt, Jordan Peterson), no audiovisual (filmes de superheroes, Breaking Bad, etc.), e na propia esquerda (Emma Goldman, Mark Fisher, Contrapoints, etc.).
O meu último argumento é relativo á concienciación e á autoconciencia.
Demostramos que Marx, mediante o concepto de “acumulación primitiva”, estaba describindo un dos aspectos operativos do capitalismo. Pero tamén falou do “comunismo primitivo”, referíndose á solidariedade e camaradería necesaria para a supervivencia das primeiras sociedades humanas, porque había nel un parecido importante coa sociedade comunista futura.
Segundo Marx, as formas solidarias de organización social que xurdiran no pasado por necesidade e por circunstancia, que foron igualmente substituídas por necesidade e por circunstancia (pola opresión eficiente do home polo home, pola escravitude), estaban prestas a retornar. Porén, esta vez habían de retornar consagradas e protexidas por masas traballadoras conscientes, masas traballadoras coñecedoras do valor do seu traballo, esixindo ser donas dunha economía que elas mesmos construíron, que elas mesmos son conscientes de que construíron, e que son capaces de reconstruír permanentemente. [59]
É doado entender que Nietzsche, se aceptamos lelo como o filósofo fascista definitivo, esixe o equivalente do seu propio campo reaccionario. Mentres Hannah Arendt e John Seeley tentan afirmar da colonización e do escravismo que foron perpetrados por occidente “inconscientemente”, Nietzsche persuade aos seus lectores que hai gloria en tal empresa, se se fai correctamente, esteticamente, “alén do ben e do mal”. Mentres Marx quere que as masas redescubran o “comunismo primitivo”, pero esta vez de xeito consciente, Nietzsche quere que as elites sigan o programa da “acumulación primitiva”, pero esta vez de xeito consciente e sen vergoña persoal.
Digo persoal porque, en total disimetría con Marx, e sendo completamente consciente do perigo de que o público coñeza as súas verdadeiras intencións, Nietzsche recomenda ocultalas. Isto explica a clamorosa recepción que tivo Nietzsche no occidente do liberalismo, cuxos arquitectos resultaron ser moitos mellores alumnos de Nietzsche que os propios nazis. George Kennan fala da supremacía norteamericana como unha fin en si mesma, e cóbrese cunha máscara de pluralismo liberal, mentres xoga un papel importante en planificar décadas de “Pax Americana” sobre a base do terrorismo xenocida. A característica definitoria dos fascistas é a súa defensa consciente do antiigualitarismo. A diferencia principal entre o liberalismo clásico e o moderno é simplemente a mellor comprensión que ten este último, en vista das revolucións e contrarrevolucións do século XX, das vantaxes tácticas que ofrece cubrirse cunha máscara.
A análise de que o capitalismo opera sempre en aspectos duais (o réxime de explotación non-violenta no centro e o réxime de expropiación violenta na periferia) é crucial para comprender como, a pesar de que as esvásticas estean pasadas de moda ou incluso prohibidas, podemos definir o conxunto da historia de occidente como profundamente fascista:
A profunda hipocrisía e a barbarie inherentes á civilización burguesa quedan así descubertas ante os nosos ollos, e van desde o seu berce, onde asumen formas respectábeis, até a periferia, onde se mostran núas. [60]
Elevar Nietzsche ao nivel de fascista primixenio significa tamén que non é alguén que poidamos ignorar. Pola contra, a nosa tarefa como comunistas é refutalo por completo.
Conclusións: Un modelo ideolóxico-espacial do fascismo
Esta é pois a realidade das cousas: a diminución e demolición do home europeo é o maior perigo que nos ameaza, velo así cáusanos mágoa. Hoxe non hai nada que queira ser máis grande do que é, e sospeitamos que as cousas seguirán decaendo, decaendo, volvéndose máis fracas, máis mansas, máis prudentes, máis cómodas, máis mediocres, máis indiferentes, máis chinesas, máis cristiás — non hai dúbida de que o ser humano se volve, a cada paso, “mellor”.
— Friedrich Nietzsche, 1887. [61]
O modelo do triángulo equilátero, onde liberalismo, fascismo e socialismo representan cadanseu vértice diferenciado, é incorrecto. A afirmación de Rajani Palme Dutt de que o fascismo representa “o capitalismo en decadencia” e “os últimos estertores da civilización burguesa” tampouco clarifica a cuestión, senón que a confunde. [62] O fascismo é tan co-constitutivo do capitalismo como o é o liberalismo. O liberalismo correspóndese co aspecto operativo da explotación da plusvalía no centro, mentres que o fascismo correspóndese co aspecto operativo da acumulación primitiva nos límites espaciais e temporais do capitalismo.
A que segue podería ser unha versión moi simplificada (pero aínda útil) do modelo marxista das etapas do desenvolvemento histórico:
- Comunismo primitivo
- Escravismo
- Feudalismo
- Capitalismo
- Socialismo
- Comunismo
A descrición do fascismo como “os últimos estertores” da cuarta etapa ocultaría o feito de que estivo presente desde o comezo. O fascismo non é máis que o aspecto operativo do capitalismo que lle toca sufrir á parte menos afortunada do planeta. Para integrar este coñecemento, debemos expandir o modelo ata unha segunda dimensión.
Eu propoño o seguinte:
- Comunismo primitivo
- Escravismo [63]
- Feudalismo — Superestrutura ideolóxica defensora do dereito divino (propiedade da terra monoteísta e hereditaria)
- Capitalismo — Superestrutura ideolóxica defensora do xenio individual (emprendemento, racismo científico, vontade de poder)
- Aspecto expropiador: Acumulación primitiva, fascismo.
- Aspecto explotador: Traballo asalariado, liberalismo.
- Socialismo — Superestrutura ideolóxica defensora da conciencia colectiva (soviets, ditadura democrática do proletariado, socialismo científico)
- Aspectos múltiplos (p. ex. “Socialismo con características X”)
- Comunismo — Superestrutura ideolóxica libre xa de contido estatal ou de clase.
Con este modelo, as potencias do eixo quedan retratadas como experimentos fascistas de construción imperial fracasados, e os imperios do atlántico norte como experimentos fascistas de construción imperial exitosos. A designación de fascista supera entón o nivel de caricatura de debuxo animado dos nazis como advertencia dunha posible distopía futura, e pasa a incorporar a realidade de que esta crueldade sádica e deshumanizante é co-constitutiva da cosmovisión violenta, supremacista branca e “amante da liberdade” occidental. En palabras de Jiang Shigong:
A resistencia ante os “desafíos” converteuse no salvaxe espírito da “liberdade” tan celebrado polos europeos, e tanto a resistencia á presión como o impulso de dominación mundial consagráronse como principios filosóficos dominantes. [64]
Este modelo perfila tamén unha distinción aínda máis clara entre proxectos socialistas e capitalistas, e rexeita de plano o concepto antihistórico de “totalitarismo”, xunto con calquera outro tipo de formulación que describa o fascismo como unha “terceira vía”.
Nietzsche é unha figura esencial porque non está confinado a ningún dos dous modos operativos do capitalismo, e porque a súa obra ten grande influencia. Así, se analizamos a súa popularidade (“o real é racional”) podemos chegar a destilar o atractivo ideolóxico do fascismo. A defensa metafísica e ideolóxica do escravismo, as invocacións a un espírito distintamente europeo, poden ter soado fermosas e efectivas a oídos de moitos; pero revelan que o talentoso filósofo reaccionario non foi capaz de construír ningunha refutación en termos racionais do crecente poder e popularidade do socialismo científico. Entendéndomos isto, chegamos logo ao convencemento de que nunca debemos abandonar o que Amílcar Cabral denominou “a arma da teoría”. O fascismo realmente existente, independentemente de que Nietzsche avaliase como “vulgares” algunhas das capitulación que en defensa deste novo escravismo ten feito, debe ser derrotado non só como práctica senón tamén desmantelando por completo o seu ideal reaccionario.
Pero non me fagades caso só a min. Escoitemos ao propio Nietzsche: “Coa dialéctica, quen gaña é a chusma”.
Bibliografía principal
- Domenico Losurdo, 2002. Nietzsche, the Aristocratic Rebel.
- Domenico Losurdo, 2004. Towards a Critique of the Category of Totalitarianism.
- Domenico Losurdo, 2005. Liberalism: A Counter-History.
- Domenico Losurdo, 2008. Stalin: The History and Critique of a Black Legend.
- Ishay Landa, 2018. Fascism and the Masses: The Revolt Against the Last Humans, 1848-1945.
- Jiang Shigong, 2021. A History of Empire Without Empire.
- William C. Roberts, 2017. What Was Primitive Accumulation?
Posdata: Nota breve sobre o anarquismo
Xa que estamos falando de modelos bidimensionais, sería absurdo pasar por alto un destes modelos e as súas implicacións: o “compás político” de dous eixos (o famoso “political compass” en inglés).
Este diagrama, de grande popularidade entre os adictos a internet, ordena as ideoloxías en dous eixos, un eixo “esquerda-dereita” e outro “autoritarismo-libertarismo”. O anarquismo e as súas microvariantes, tales como o “anarcocomunismo” ou o “socialismo libertario”, aprópianse así do cadrante “libertarismo de esquerda” e posiciónase deste xeito como iguales ás demais.
Recordemos brevemente algunhas afirmacións de coñecidos teóricos anarquistas:
O comunismo de Marx busca unha enorme centralización no estado, e alá onde haxa tal cousa debe haber inevitabelmente un banco central, e alá onde haxa tal banco a parasita nación xudía, que vive de especular co traballo do pobo, atopará sempre un xeito de vencer. [65]
A multitude, o espírito da masa, todo o domina, destruíndo a calidade. [66]
Nietzsche non era un sociólogo senón un poeta, un inventor e un rebelde. A súa aristocracia non era a da herdanza nen a do ouro, senón a do espírito. Neste respecto Nietzsche era un anarquista, e todos os anarquistas de verdade eran aristócratas. [67]
Non teño problema ningún cos libertarios que defenden o tipo de capitalismo que vostede describe. […] Vou dicir con claridade que se o socialismo, que é o que eu chamo a versión autoritaria do colectivismo, chegase a emerxer, eu uniríame á súa comunidade [anarcocapitalista]. Emigraría á súa comunidade e faría todo o posible para evitar que os colectivistas puidesen limitar o meu dereito de facer o que eu quixese. [68]
O anarquismo é un subproduto ideolóxico do capitalismo. Distínguese sobre todo porque os seus seguidores elevan a súa propia irrelevancia ao nivel de virtude relixiosa. Considéroa unha irmá menor do liberalismo e do fascismo, que comparte todos os mesmos delirios euro-individualistas de xenio e de grandeza.
Isto é todo o que direi aquí ao respecto.
[1] Alice Malone, “Elisabeth’s Nietzsche” (2024). [web]
[2] Karl Marx e Friedrich Engels, Manifesto do Partido Comunista (1848). [web]
[3] Steve Lalla, “Marx didn’t invent socialism, nor did he discover it” (decembro de 2020), Monthly Review. [web]
[4] William C. Roberts, “What Was Primitive Accumulation? Reconstructing the Origin of a Critical Concept” (2017). [web]
[5] Jiang Shigong, “A History of Empire Without Empire” (2021). [web]
[6] Jiang Shigong, “A History of Empire Without Empire” (2021). [web]
[7] Friedrich Engels, “Review of Thomas Carlyle” (1850), Neue Rheinische Zeitung Politisch-ökonomische. [web]
[8] John Adams, “Humphrey Ploughjogger to the Boston Gazette” (14 October 1765), Founders Online. [web]
[9] Alexis de Tocqueville, On the penitentiary system in the United States, and its application in France (1833). [web]
[10] In Jon Schwarz, “As Teddy Roosevelt’s Statue Falls, Let’s Remember How Truly Dark His History Was” (22 June 2020), The Intercept. [web]
[11] Winston Churchill, “A Midnight Interview” (1902), The Winston Churchill Society. [web]
[12] Karl Marx, “The Future Results of British Rule in India” (July 1853). [web]
[13] Karl Marx, Capital, Vol. 1 (1867). [web]
[14] Friedrich Engels, “A Polish Proclamation” (June 1874). [web]
[15] Ishay Landa, “Who’s Afraid of the End of History?” (2009). [web]
[16] Friedrich Nietzsche, The Gay Science (1882).
[17] Friedrich Nietzsche, The Twilight of the Idols (1888).
[18] Friedrich Nietzsche, “The Birth of Tragedy,” Ecce Homo (1888). [web]
[19] Frantz Fanon, The Wretched of the Earth (1961).
[20] Antonio Gramsci, “The Revolution Against Das Kapital” (1917). [web]
[21] Domenico Losurdo, War and Revolution: Rethinking the Twentieth Century (2014), Ch. 5, “The Third Reich and the Natives.”
[22] Adolph Hitler, Mein Kampf (1925), Vol. 2, Ch. 3.
[23] In H. R. Trevor-Roper, Hitler’s Table Talk, 1941-1944 (1953). [web]
[24] Heinrich Himmler, Posen Speeches (1943). [web]
[25] In Andrew Roberts, Churchill: Walking with Destiny (2018), p. cvi [web]
[26] In Shashi Tharoor, “The Ugly Briton” (29 November 2010), Time Magazine. [web]
[27] J. V. Stalin, “Anti-Semitism: Reply to an inquiry of the Jewish News Agency in the United States” (January 1931), Marxists Internet Archive. [web]
[28] J. V. Stalin, “Report to the Seventeenth Party Congress on the Work of the Central Committee of the C.P.S.U. (B.)” (26 January 1934). [web]
[29] J. V. Stalin, “Interview with Roy Howard” (1 March 1936). [web]
[30] Winston Churchill, Great Contemporaries (1935). [web]
[31] Winston Churchill, “Address at the House of Commons, Situation at Bilbao” (14 April 1937), UK Parliament. [web]
[32] In Tristin Hopper, “The prime minister with a man crush for Hitler: The day Mackenzie King met the Fuhrer” (15 May 2017), The National Post. [web]
[33] In David McCullough, Truman (1992).
[34] Nick Holdsworth, “Stalin ‘planned to send a million troops to stop Hitler if Britain and France agreed pact’” (18 October 2008), The Sunday Telegraph. [web]
[35] Benjamin Franklin, The Autobiography of Benjamin Franklin (1793). [web]
[36] J. V. Stalin, “Order of the Day on the 24th Anniversary of the Red Army” (23 February 1942). [web]
[37] Franklin Delano Roosevelt in conversation with Henry Morganthau, 1991. Mostly Morganthau — A Family History. New York: Ticknor and Fields, p. 365.
[38] Ernest Hemingway, “The Red Army is the Pride of Peace-Loving Peoples: Foreign Figures Salute the Red Army” (1942), Pravda. [web]
[39] Albert Einstein, “Atomic War or Peace” (1945). [web]
[40] Gar Alperovitz, “The War Was Won Before Hiroshima — And the Generals Who Dropped the Bomb Knew It” (6 August 2015), The Nation. [web]
[41] Hannah Arendt, The Origins of Totalitarianism (1951).
[42] Hannah Arendt, The Origins of Totalitarianism (1951).
[43] Hannah Arendt, “Reflections on Little Rock” (1957). [web]
[44] George Orwell, “Why I Write” (1946). [web]
[45] Martin Chilton, “How the CIA brought Animal Farm to the screen” (21 January 2016), The Telegraph. [web]
[46] In Ben Judah, “Why I’ve Had Enough of George Orwell” (16 July 2019), The Wire. [web]
[47] George Orwell, “England Your England” (1941). [web]
[48] George F. Kennan, “Measures Short of War” (1946), American Foreign Service Association. [web]
[49] George F. Kennan, “Report by the Policy Planning Staff” (25 February 1948), United States Office of the Historian. [web]
[50] In David Greenberg, “U.S. Cold War Policy Was Designed by a Bigot” (19 April 2014), The New Republic. [web]
[51] Fidel Castro, “Interview with Jas Gawronski” (1993), La Stampa. [web]
[52] Friedrich Nietzsche, Beyond Good And Evil (1886).
[53] Karl Marx & Friedrich Engels, Manifesto of the Communist Party (1848). [web]
[54] Karl Marx, “Letter from Marx to Engels In Manchester” (27 February 1861). [web]
[55] Karl Marx and Friedrich Engels, The German Ideology (1845). [web]
[56] Friedrich Nietzsche, Human, All Too Human (1878). [web]
[57] Domenico Losurdo, Nietzsche, the Aristocratic Rebel (2002), Section 1.5.6.
[58] Friedrich Nietzsche, “Richard Wagner in Bayreuth” (1876). [web]
[59] Christian Thorne, “Marx’s Philosophical Context” (2017). [web]
[60] Karl Marx, “The Future Results of British Rule in India” (July 1853). [web]
[61] Friedrich Nietzsche, On the Genealogy of Morals (1887).
[62] Rajani Palme Dutt, Fascism and Social Revolution (1934). [web]
[63] É posible certamente especular sobre as posibilidades retroactivas deste esquema. Sería posible imaxinar que o politeísmo se correlaciona coa concesión aos donos de escravos de poder sobre a vida e a morte? En calquera caso, a exploración desta posibilidade escapa aos límites deste ensaio.
[64] Jiang Shigong, “A History of Empire Without Empire” (2021). [web]
[65] Mikhail Bakunin, “Bakunin on Marx and Rothschild” (1871). [web]
[66] Emma Goldman, “Minorities versus Majorities” (1917). [web]
[67] Emma Goldman, Living My Life (1931). [web]
[68] Murray Bookchin, “Interview with Jeff Riggenbach” (October 1979), Reason Magazine. [web]